terça-feira, agosto 31, 2004

impulsos

Hai unha liña que separa o que crea do que somentes recibe? Eu xa non podo elexir. Son o que son.
Unha cosa boa fará que sorría e desfrute un pouco. Pero unha cousa mellor fará que queira facer algo. Ás veces algo semellante ó que vexo, outras veces algo da miña colleita personal ( si é que iso existe). Coma se fose un pulo directo que me forzase a traballar. Hai tantas exposicións medio vistas, tantos libros interrompidos, tantos carteis vistos de esguello por esa ansia de participar no mellor. Como si o marabilloso non fose mais que uns litros de combustible creador que se comunican de persoa en persoa, unha pedra que atopas no camiño e indica que vas po-la boa senda ou alomenos que tal senda existe. Non me queixo, pero me gustaria tamén poder mirar como si non fora comigo, como si eu pasase por ai, nada mais, só ver. (Non saber, só ver.)

domingo, agosto 29, 2004

Nixies

Hai uns días pensei nas pantallas dos despertadores, dos reloxios dixitais, das calculadoras. Creo que a solución para amosar (construir) os números é un bo intento, pero algo falla neles. Non sei si é a tecnoloxía ou a tipografía, mais queda moito camiño por andar. Entón atopei os nixies. Digamos que os nixies son os únicos reloxios que non odio mirar.


nixies



Como números conservados en formol, os nixies amosan o tempo coma un especimen capturado nun tarro de cristal, as cifras como insectos-pau de lume. Conforman unha especie nova no eido da tecnoloxía, unha sorte de "ciencia sucia". Teñen unha fasquía estrana, como de película de Tim Burton. Son o despertador de Frankenstein, o reloxio de parede dun científico tolo, a alarma do rocket scientist. Unha esperanza polvorienta nun mundo de plastico crema.

Para saber mais:
Nixie Tube Clock Project
Nixie clocks
Galería Nixie

Condición nacional

Non sei se nos axudaría a entender mellor a nosa esencia galega o interiorizar esta frase de Amelie Deuflhard, comisaria artística, ó referirse ó volkspalast no xornal El Pais de onte.

" Un visitante desprevenido no sabría decir si encuentra delante de una ruina del pasado o del armazón de algo nuevo. En términos artísticos, es un limbo extremadamente productivo"

Como primeira medida, poderíamos tentar aplicala ó paisaxe urbano galego.

sexta-feira, agosto 27, 2004

desenho portugués.

Uns días ó outro lado da raia foron dabondo para constatar uns poucos feitos:
. O desenho portugués ten certa semellanza co inglés, pero non tanta como eles quixeran poder dicir. E non tan pouca como os ingleses quererán pensar.
. Cando un portugués quere facer ver que o seu deseño é moderno, só necesita duas cousas: unha tipografía moi fina ( coma patinhas de mosca) e usar unha cor verde áceda.
. Respecto as tipografías, nunca vin tanta proliferación da Apex sans en tan pouco tempo. Confeso que me contaxiaron da febre. É unha preciosidade.
. A situación do grafismo en portugal é ( como non) moi semellante á galega.Unhas poucas mostras de traballo coidado e valioso entre unha morea de lixo visual.
.Tamén ese lixo é moi semellante ó galego: vanse retirando os vellos carteis, sinais e grafismos antigos, que conservaban alomenos un encanto vernáculo e substitúense por horrorosos carteis saturados de tipografías e cores ( ou corels).
. A televisión pública portuguesa é un desastre absoluto no que atinxe a imaxe propria. Os contidos son os axeitados para algo que é televisión e público ó mesmo tempo. É dicir, un bodrio.
. Dende a eurocopa, milleiros de bandeiras portuguesas adornan casas, tendas e coches. Paréceme ben, pero fan que inconscientemente, por analoxía, un vaia sempre pola rúa pensando que esta a piques de pasar unha procesión.
.Co gallo da eurocopa, mcDonalds imprimiu os vasos de papel cun deseño moi curioso, unha mistura moi interesante de motivos tradicionais cun tratamento contemporáneo.
.Este ano non puiden atopar unha revista cultural portuguesa moi interesante. Chamábase embigo ( non é perfeito?) e tinha unha portada fermosisima. Os contidos, como sempre nestas revistas, eran absolutamente prescindibles e predecibles.

terça-feira, agosto 17, 2004

Esa incerta sensación

Neste traballo, é normal sentir esa incapacidade de atopar a solución ó problema apresentado, de non "da-la talla", de sofrer ese bloqueo mental. Pero é moito peor cando penso que, moitas veces, si ese fracaso ocorrera, ninguén se daría conta e no peor dos casos, mesmo sería felicitado polo resultado.

arte na rúa, pero de verdade

Non creo que ninguén dubide xa que o graffitti sexa unha forma de arte. Os únicos que o fan son aqueles incautos que ousan se facer esa pregunta ante o resto de expresións artísticas de formato mais convencional. Eu mesmo afirmo que as pintadas son arte, ainda que non sempre engado o pouco que significa para min esa clasificación.

O problema pode aparecer cando os baixos do meu edificio e a entrada do meu garaxe aparecen ilustradas polos grafiteiros locais. Si, é arte, pero ¿ quero ter esa arte na miña casa? ¿ podo queixarme do emplazamento desa arte ou parte da raison d´etre desa obra é o seu emplazamento forzado, esa obligación a ve-la?

Nalgunhas cidades occidentais, os poderes públicos reservan un espacio, un muro de certas dimensións para que os artistas do spray se entreteñan pintándolo. É unha solución moderna e civilizada, pensan eles; por unha banda permito esa expresión artística e por outra a limito nun espazo determinado, tentando que a súa disposición intencionada faga esquecer o pouso vandálico que podería deixar. Eses muros sempre teñen un aquel moi triste, como obxectos fora de lugar, como simulacros doutra cousa. Son, como as vellas "escupideras", unha contradicción de termos no noso entorno, unha mostra mais da capacidade enorme que ten a sociedade de fagocitar mesmo os seus despoxos e apresentalos como un triunfo mais. Se eu fora graffiteiro, creo que me adicaría a pintar de branco eses muros e, como moito, pintaría cunha plantilla unha señal que prohibise facer pintadas e ficar carteis xusto nese muro.

¿estamos pois na obriga de aceptar o graffiti alí onde o artista decide emplaza-lo? Carlos Segura parece ser contrario a esta opción. Eu ainda dubido.

caixas cheas por fora

Colle unha caixa. Desfaina, pintala, faille uns buratos, fai o que queiras con ela, mais non esquezas tirarlle unha foto e que a vexamos todos eiqui.


segunda-feira, agosto 16, 2004

Apresentandonos

Comeza eiqui GHRAFICA, un novo blog en galego encol do mundo da creatividade, o deseño gráfico, a cultura e o que xurda. Poucas veces se pode saber o que vai resultar do que recén nasceu, pero neste caso a incertidume é maior. Espero perdoen de antemán a miña irregularidade, as miñas limitacións e o meu castrapo. Benvidos.