terça-feira, agosto 17, 2004

arte na rúa, pero de verdade

Non creo que ninguén dubide xa que o graffitti sexa unha forma de arte. Os únicos que o fan son aqueles incautos que ousan se facer esa pregunta ante o resto de expresións artísticas de formato mais convencional. Eu mesmo afirmo que as pintadas son arte, ainda que non sempre engado o pouco que significa para min esa clasificación.

O problema pode aparecer cando os baixos do meu edificio e a entrada do meu garaxe aparecen ilustradas polos grafiteiros locais. Si, é arte, pero ¿ quero ter esa arte na miña casa? ¿ podo queixarme do emplazamento desa arte ou parte da raison d´etre desa obra é o seu emplazamento forzado, esa obligación a ve-la?

Nalgunhas cidades occidentais, os poderes públicos reservan un espacio, un muro de certas dimensións para que os artistas do spray se entreteñan pintándolo. É unha solución moderna e civilizada, pensan eles; por unha banda permito esa expresión artística e por outra a limito nun espazo determinado, tentando que a súa disposición intencionada faga esquecer o pouso vandálico que podería deixar. Eses muros sempre teñen un aquel moi triste, como obxectos fora de lugar, como simulacros doutra cousa. Son, como as vellas "escupideras", unha contradicción de termos no noso entorno, unha mostra mais da capacidade enorme que ten a sociedade de fagocitar mesmo os seus despoxos e apresentalos como un triunfo mais. Se eu fora graffiteiro, creo que me adicaría a pintar de branco eses muros e, como moito, pintaría cunha plantilla unha señal que prohibise facer pintadas e ficar carteis xusto nese muro.

¿estamos pois na obriga de aceptar o graffiti alí onde o artista decide emplaza-lo? Carlos Segura parece ser contrario a esta opción. Eu ainda dubido.