terça-feira, outubro 19, 2004

O nome de Colombo.

As leis de propiedade intelectual teñen (menos mal) limitacións. Hai unha morea de cousas que non poden ser rexistradas. Por exemplo os mapas. Semella lóxico que un non poida rexistrar como súa unha configuración xeográfica. Non podemos camiñar por unha paisaxe cuxa forma, cuxa relación espacial, cuxa imaxe mental sexa propriedade dunha persoa. Pero tamén sabemos que é un delicto coller un mapa dun atlas xa publicado, copialo e vendelo como se fora noso. O mapa, rexistro de fronteiras, é unha "tierra de nadie" no anguloso territorio do copyright.
Se un mapa dun territorio é exacto ( e, inocentes de nós, pensamos que tódolos mapas o son) non terá diferencias con ningún dos outros mapas dese espazo. Parecería entón imposible distinguir un mapa orixinal dun mapa plaxiado e sería moi probable que tódolos mapas foran meros clons dun só mapa orixinal, obra daquel primeiro xeógrafo que si se tomou as molestias de crear o plano primixenio partindo da súa propria medición. E xa podemos imaxinar que aqueles primeiros xeógrafos e agrimensores tiveron en conta esta contradicción e tomaron as súas precaucións para que ninguén vivise de duplicar o seu traballo. Imaxinando un caso de plaxio, pensaron que terían que demostrar ante un xuiz que o mapa plaxiado era en efecto unha copia, e non unha obra igual á súa, pero de creación propia.
A súa resposta a este problema foi sinxela: engadir no mapa un accidente xeográfico inexistente. Inventaron rios, vales, regatos, montes, fontes e fragas que rexistraron como certas e soterraron nun lugar remoto do terreo. Asi, si alguén fora copiar o seu mapa, reproduciría un accidente xeográfico que somentes existía nos seus imaxinativos miolos. Ese non-lugar inventado polo xeógrafo é unha tea de araña onde esperaba capturar o cartógrafo plaxiador.

teniente niente


Hai moitos anos, Fred L. Worth, un escritor norteamericano recopilou miles e miles de datos para un libro diso que os anglosaxóns coñecen como trivia, eses datos anécdoticos de tódalas disciplinas do coñecemento. O libro foi un gran éxito. Anos despois, unha compañía de xogos de lecer sacou á venda un novedoso xogo de mesa que arrasou nos anos oitenta. O seu nome era trivial pursuit. Cando Worth viu as tarxetas das preguntas, decatouse de que estaban extraidas literalmente do seu libro. A inicial carraxe foi seguida dunha sensación de espectación: A súa tea de araña tamén esperaba unha prea.
Tomando como exemplo as prácticas dos cartógrafos, Fred Worth deixou rexistrado un accidente inexistente no seu mapa do saber. Agochado na morea de datos, datas, nomes e feitos, introduciu unha combinación de pregunta e resposta que él mesmo inventou para evitar o plaxio. Rebuscando nas tarxetas do trivial pursuit, atopou a súa trampa: No apartado de televisión, leu a pregunta: ¿ Cal é o nome de pila do tenente Colombo?" e non tivo que revira-lo cartón para buscar a resposta. Él sabía que fora él mesmo quen inventara a resposta para esa cuestión, pois nos moitisimos anos nos que se emitiu esa serie nas televisións de todo o mundo, o nome de pila do tenente protagonista nunca foi revelado. Esa foi a base dun xuizo que enfrentou a Worth cos fabricantes do popular xogo de mesa e que non foi admitido a trámite porque os fabricantes do trivial pursuit demostraron que si usaran datos do libro de Worth mais tamén sacaran información doutras fontes. A tea de araña quebrou e a mosca fuxiu. Fronte a realidade inventada dos cartógrafos, os avogados fixeron valer outra realidade mais prosaica: Si un copia dunha soa fonte, é plaxio. Se copia de varias fontes, é investigación.


sábado, outubro 16, 2004

subdeseño desenrolado.

Nunha conversación cun colega de profesión que traballa no estado, xurde o tema da pretenciosidade no deseño gráfico. A conclusión á que chegamos é que esta é un rasgo dos mercados subdesarrollados. É neses eidos nos que o deseño gráfico ten que rechamar para xustificar a inversión, ten que prometer o que non é e, o peor de todo, neses mercados do subdesarrollo, o deseño é de diseño.

quarta-feira, outubro 06, 2004

Nota Mental

Reler unha e outra vez este post en design observer sobre ese desastre chamado ITC Garamond. Tentar entendelo. Meter un comentario absurdo e engadir ao curriculum: Colaborou nun texto con Mathew Carter, Erik Spiekerman e Jonathan Hoefler. Reler outra vez. Tentar entender os razonamientos. Tentar entendelo todo.

segunda-feira, outubro 04, 2004

O guionista interior.

Asomeime pola fiestra, alguen berrou que o asasino subía polas escaleiras nese intre, cunha refén nos brazos e un coitelo nas mans. Corrín cara a porta. Estaba entreaberta, coas chaves postas. Detivenme aterrado: que podía facer? ficar quedo e silencioso confiando que o asasino pasase de piso e seguise cara arriba? ou lanzarme cara a porta dun salto e tentar pechala co meu corpo dunha vez?...


cinema interior





Ese foi o remate dun soño meu de hai uns días. Podemos dicir que é un soño convencional, con ese ambiente de película de suspense, con toda-las compoñentes clásicas do terror psicolóxico mil veces vistos no cinema. Ao guionista interior prestoulle facer unha obra de xénero. Nada de valor esta vez, un producto standard para un telefilme de domingo.
A piques estaba de despedir fulminantemente o meu guionista interior coa auga da ducha cando pensei nas chaves. Achegábame a porta pensando en pechala silenciosamente e vin as chaves postas na cerradura, brilantes. E lembro que pensei nas consecuencias de pecha-la porta, coas chaves aí, facendo o ruido que me delataría. Lembro ese xiro no guión, esa contrariedade que precipitou os acontecementos, ese dato que forzou o dilema entre permanecer agochado ou saltar sobre a porta, sen posibilidade de mezclar as alternativas e pechar a porta caladamente. Un recurso ben metido, un truco caseque imperceptible, coma os trucos deben ser. Lembrei as chaves na porta que me separaba do asasino e decidin darlle o meu guionista interior outra oportunidade mais, non fora que estivese a tirar un talento que eu non teño esperto.

domingo, outubro 03, 2004

nushu

no ceo das linguas